Manifesto

Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.

Nestes momentos de grave crise económica e social o goberno do Estado está a levar a cabo un proxecto custosísimo de saneamento tecnicamente obsoleto e desfasado. O proxecto consiste nunha depuración intensiva e unitaria (mestura de augas residuais e pluviais), que implica ademais unha depuración insuficiente e insustentábel, cuns altísimos consumos enerxéticos e custos de mantemento. Todo isto supón unha suba xeralizada das taxas que deberán sufragar as veciñas e veciños  de Ferrol. Por todo isto avogamos que se proceda a un estudo de introdución paulatina de melloras técnicas que non supoñan a paralización do saneamento e que viabilicen a obtención dun sistema máis idóneo de depuración de augas.

Este proxecto non contempla o tratamento das verteduras industriais á ría (Reganosa, Forestal do Atlántico, Megasa, Navantia, Autoridade Portuaria, a Armada, etc...), e esquece o saneamento da zona rural, aínda pendente.

Preténdese ademais,  un modelo administrativo semiprivado da explotación da auga en Ferrol outorgando, dunha forma que vulnera as premisas básicas da contratación pública, a súa administración a Emafesa. Isto supón a renuncia á necesaria remunicipalización do servizo de augas, obxectivo ineludíbel de xustiza social para o conxunto da cidadanía ferrolá. Non se busca o mellor para todos e todas, senón outras prioridades.

Asemade, o convenio asinado en xullo de 2012 por Augas de Galicia e ACUAes cos concellos de Ferrol e Narón significa que será a veciñanza destes concellos a que vai ter que pagar durante 50 anos a parte correspondente ao Estado, inhibíndose este de asumir o custo, mais non o control que exerce a través de ACUAes.

Levamos xa moitos anos de atraso no saneamento da nosa ría, con investimentos públicos millonarios que non serviron para nada. Máis aló destes investimentos, precisaríanse tamén campañas de concienciación da cidadanía co fin de reducir e racionalizar as verteduras en orixe.

A veciñanza da ría de Ferrol ten dereito a un saneamento integral da ría, e moito máis a xente que vive directamente da explotación dos seus recursos.  Non podemos renunciar a este obxectivo inexcusábel para o futuro económico da comarca.

A veciñanza ferrolá ten dereito a uns servizos que sexan públicos e eficientes, e que non fiquen nas mans de espurios intereses privados, o que nos ten levado a esta situación de drama social en que vivimos.

Neste contexto cremos necesaria a apertura dun debate público aberto á cidadanía ao abeiro do art. 17. Audiencia Pública do Regulamento de Participación Cidadá (RPC) vixente no Concello de Ferrol, onde se nos dea conta do conxunto de elementos que conforman o convenio sobre o saneamento, o protocolo, a encomenda de xestión e a ordenanza que regula a taxa, entre outros.

Así mesmo, consonte ao artigo 19 de dito Regulamento de Participación Cidadá, presentamos unha iniciativa popular baseada na remunicipalización da auga e o saneamento, que incorpore unha consulta popular.

\\\\\